Páxinas

18 de dec. de 2009

Antonio Tenreiro, arquitecto

Naceu na Coruña o 5 de Xaneiro de 1893. Realizou estudos de arquitectura na Escuela Superior de Arquitectura de Madrid entre os anos 1913 e 1919. Alí habería coñecer o que sería o seu eterno amigo, o valenciano don Peregrín Estellés (1891-1981), co que habería de compartir teimosa actividade profesional ata 1969, formando ambos o próspero estudio do capitel xónico.

A especial inclinación e gusto de Estellés durante a carreira polos temas de Estruturas e os problemas da técnica do formigón, e facilidade de Tenreiro para as materias de Proxectos, favorecería unha mutua e agradecida colaboración entre ambos durante os anos de universidade, relación que habería de continuar e medrar con especial beneficio xa rematados os estudos na Escuela.

Durante os primeiros anos mantiveron aberto Tenreiro & Estellés , na rúa Benito Gutiérrez número 13 de Madrid, un estudio de arquitectura que lles permitirá leva adiante pequenos proxectos e obras. Igualmente colaborará Tenreiro até 1921 co tamén arquitecto e futuro director da Academia española de Bellas Artes de Roma, don Emilio Moya, co que gañará en 1920 o concurso de proxectos para a Casa de Correos y Telégrafos de Lugo, edificio no que dirixiu a súa construción.

En Madrid e en Bayonne idearía e debuxaría en 1920 os primeiros croquis e bocetos do que sería o Banco Pastor de La Coruña, encargo que chegará ás súas mans por relación familiar con Ricardo Rodríguez Pastor, que era tío do arquitecto e primo de Pedro Barrié de la Maza.

En 1921 don Antonio Tenreiro, acompañado por don Peregrín Estellés, instalarase definitivamente na Coruña, cidade que non ha abandonar até a súa morte. Viaxará asiduamente por Francia e outros estados europeos (o que lle ha permitir coñecer as súas arquitecturas), mais non ha abandonar nunca, agás en 1930, longo tempo a poboación. Motivou esta saída o encargo a el adxudicado polo Ministerio de Economía Nacional español, do pavillón de España na Exposición Internacional de Liegge de dito ano, edificio no que colaborou (por así esixilo as bases do Certame) co arquitecto belga M. Snyers.

O 12 de Xuño de 1930 será nomeado arquitecto municipal da Coruña, despois de superar o concurso celebrado ao efecto, a compartir dende tal dta a dirección de obras do Concello primeiramente con don Pedro Mariño y Ortega, e a súa morte, o 2 de Setembro de 1931, con don Santiago Rey Pedreira. Apartado temporalmente do emprego trala imposición do réxime de Franco, será rehabilitado para o mesmo polo alcalde Alfonso Molina. Abandonará o posto de arquitecto-xefe municipal o 5 de Xaneiro de 1963.

A II República española nomeárao arquitecto do Ministerio de Educación Nacional, proxectando para este departamento a partir de 1940, a cidade cultural "Generalísimo Franco" e outras obras de interese na cidade. A súa arquitectura será cita obrigada no panorama edilicio galego do segundo terzo do século XX. Autor de numerosos edificios de grande calidade, mérito  e arte (definía a súa primeira arquitectura coma "un racionalismo flirteante co cubismo"), a súa presencia na cidade supuxo a ruptura co modernismo e o eclecticismo final (ao seu entender unha "arquitectura de carpinteiros"), asinando proxectos racionalistas (e en menor medida rexionalistas) de grande interese.

Falecerá don Antonio Tenreiro na Coruña o 31 de Maio de 1972. Estaba en posesión da Lexión de Honor francesa no seu grao de Cabaleiro.

Obras e proxectos máis relevantes:
  • Casa de Correos y Telégrafos de Lugo (1920)
  • Banco Pastor de La Coruña (1920-1925)
  • Casa Barrié (1926)
  • Proxecto da rúa cuberta de Durán Loriga  (1926-1927)
  • Proxecto da Cidade Satélite Concepción Arenal (1928)
  • Mercado municipal de San Agostiño (1931-1932)
  • Biblioteca Municipal Menéndez Pidal (1933-1935)
  • Estación de servizo de Catro Camiños (1934-1935)
  • Reforma do edificio do Consulado para Museo Provincial de Belas Artes (1941-1947)
  • Cidade escolar "Generalísimo Franco" (1941-1947-1959)
  • Arquivo do Reino de Galicia e Biblioteca Pública (1948-1956)
_________________________________________________________________________
Fonte: "El Banco Pastor de La Coruña"  por José Ramón Soraluce Blond, Xosé Fernández Fernández, José Ramón Alonso Pereira e Fernando Agrasar Quiroga

Ningún comentario:

Publicar un comentario